Artigos Recentes

Publicado o 19/07/2019

Actividades de verán en Caldoval

Na tempada de verán o Centro de Interpretación de Caldoval renova a súa oferta lúdica e didáctica cunha batería de actividades dirixidas tanto a nenxs como a adultxs.

Alén das afamadas visitas guiadas que se veñen facendo de xoves a venres ás 10:30, 12:30, 16:30 e 18:30h e os obradoiros didácticos que teñen lugar nos mesmos días ás 11:30 e 17:30h, a concellaría de Patrimonio Histórico do concello de Mugardos incorpora novos eventos especiais.

O primeiro deles será a “II Xornada de Xogos Romanos en Familia” o sábado 27 de xullo, pola tarde de 18:30 a 21:00h, aproveitando as horas de menor calor e o retorno da praia. O obxectivo será divertirse e aprender xogando a diferentes deportes e xogos que se practicaban na antiga Roma. Para iso aproveitarase a cancha exterior do Centro de Interpretación onde se poderán practicar disciplinas como o Trigón romano, o xogo da letra delta, o lanzamento de peso, esgrima e ata xogos de adiviñación.

Durante o mes de agosto comezarase un novo xogo de pistas chamado “As doce probas de Caldoval”. Todxs aquelxs que queiran emular a Hércules deberán superar unha ducia de retos entre os que haberá diversos enigmas, preguntas e desafíos ata conseguir a gloria ao final do percorrido.

O sábado 3 de agosto celebrarase tamén un obradoiro especial de escritura romana, chamado “Ars Scribendi”, no que tanto adultxs como nenxs aprenderán as técnicas usadas na antiga Roma. Usarán cálamos e poderán escribir sobre auténtico papiro imitando as tipografías da época. O resultado final levarase para a casa. Para este obradoiro as prazas son limitadas e será preciso facer reserva previa.

O programa estival terá o seu colofón a finais de agosto coa segunda edición da Noite de Estrelas en Caldoval”. Consistirá nunha observación astronómica realizada no exterior do Centro de Interpretación da man de Antón Bouzas, biólogo, paisaxista e esperto en astronomía cultural. A actividade está dirixida a todos os públicos e nela falarase da importancia dos astros la cultura grecolatina.

A inscrición nas diferentes actividades poderá facerse a través do mail info@museocaldoval.gal ou no teléfono 687072116 (en horario de apertura do centro).