Artigos Recentes

Publicado o 13/08/2019

As XII probas de Caldoval: novo xogo de pistas no «balneum» romano de Mugardos.

O próximo sábado 17 de agosto comezará o novo xogo de pistas no Centro de Interpretación de Caldoval, titulado «As XII probas de Caldoval». Trátase dunha actividade dirixida tanto a nenxs, coma adultxs e familias totalmente de balde.

Xs participantes deberán resolver 12 retos diferentes para poder atopar o diñeiro roubado aos antigos propietarios da «villa» de Caldoval, Cornelio e Honoria. Un saquiño de moedas que servirá para pagar os gastos dunha importante celebración á que asistirán, entre outrxs, o legado de Augusto, Paulo Fabio Máximo. O prestixio dos «domini» de Caldoval estará en xogo e todo dependerá da pericia daquelxs atrevidxs que afronten o reto de resolver as XII pistas, que o ladrón ou ladroa deixou tras de si.

A persoa que consiga resolver os enigmas terá ademais a honra de estar a altura do mítico Hércules, quen tamén tivo que afrontar 12 traballos case imposibles.

O xogo de pistas poderase facer en calquera momento dentro do horario de apertura do Centro de Interpretación de Caldoval (de 10:30h a 14:00h e de 16:30h a 20:00h). Xs que queiran probar sorte non precisan facer reserva. Só teñen que pedir a folla de respostas na recepción do centro e comezar co reto.

Pódese solicitar máis información no correo info@museocaldoval.gal ou no teléfono 687 072 116.