Artigos Recentes

Publicado o 07/12/2018

CALDOVAL AMPLÍA HORARIO E ACTIVIDADES NO NADAL

No Nadal Caldoval amplía os seus días de apertura para todas as persoas que queiran visitarnos e participar nas nosas actividades. O centro de Interpretación abrirá as súas portas desde o 26 de decembro de 2018 ata o 5 de xaneiro e só pechará nos principais días destas festas como son o 31 de decembro, 1 e 6 de xaneiro.

Coa intención de celebrar estas datas natalicias, desde o Centro de Interpretación de Caldoval propoñemos unha serie de actividades que nos permitirán recuperar as tradicións romanas de final de ano.

Comezaremos por un obradoiro de fabricación de “sigillaria” dirixido a todos os públicos. Os “sigillaria” romanos eran agasallos que se facían durante a festividade romana das “Saturnalia”, dedicada ao deus Saturno. Esta festa, unha das mais populares en Roma, celebrouse desde os tempos de César entre o 17 e o 23 de decembro, aproveitando o fin da sementeira e dos traballos agrícolas.

O último día das “Saturnalia” remataba coas “Sigillaria”. Nesa data o costume era regalar pequenas figuriñas de cera ou de cerámica a familiares, amigos íntimos e aos nenos e nenas. Ata existían pequenos mercados onde se podían mercar estes agasallos. É moi probable a tradición dos presentes de Nadal teña aquí a súa orixe e fose adaptada posteriormente polo cristianismo.

Xs asistentes ao obradoiro poderán fabricar as súas “sigillaria” para agasallar aos seus amigxs ou parentes no día de nadal ou en Reis.

Esta actividade terá lugar no centro de interpretación o sábado 22, domingo 23, xoves 27 e venres 28 de decembro ás 17h. da tarde.

Xa no ano novo, o mércores 2 de xaneiro e o venres 4 ás 17h. faremos outro obradoiro de cerámica romana, no que se explicarán os segredos da olería que se facía hai 2.000 anos. Xs participantes poderán elaborar as súas propias pezas cerámicas usando as técnicas da época. Todas as pezas fabricadas poderán ser despois levadas para casa.

Todxs aquelxs que queiran participar, tanto nenos, como adultos e familias só teñen apuntarse no teléfono 687072116 ou no mail info@museocaldoval.gal.