Artigos Recentes

Publicado o 15/01/2020

Caldoval continúa crecendo en visitas

Case 6.000 persoas visitaron o Centro de Interpretación de Caldoval durante o 2019, superando en 325 visitantes o ano precedente. Apenas 2 anos e catro meses despois da inauguración deste referente patrimonial e cultural xa son case 14.000 persoas as que se achegaron ata o museo para participar nalgunha das múltiples actividades didácticas promovidas polo concello de Mugardos.

Entre as máis demandadas polo público durante o pasado ano estiveron as visitas guiadas, os obradoiros, orientados tanto a nenos como a adultos e o novo xogo de pistas familiar “As XII probas de Caldoval”. Tamén tiveron un enorme impacto de público algúns eventos lúdicos e divulgativos como o “Ludi Romani”, que congregou a máis de 200 nenos dos concellos de Ares e Mugardos; a “III xornada sobre a Mugardos Romana” con 50 participantes; a noite de estrelas do verán; a “xornada de xogos romanos en Familia” e os obradoiros de nadal “Vive a Saturnalia romana”.

Se nun primeiro momento foron @s veciñ@s de Mugardos @s máis interesad@s en coñecer os baños termais de época romana que foron atopados na enseada de Santa Lucía; co paso do tempo o público interesado foise diversificando e chegando de cada vez máis lonxe. O xacemento de Caldoval recibe hoxe en día case a metade das súas visitas (49%) de toda a comarca de Ferrolterra. O público do resto de Galicia tamén está incrementándose progresivamente e supón xa o 14% do total no conxunto do ano; e as persoas procedentes do resto do Estado chegan ao 16% no cómputo anual, cun forte incremento na tempada estival subindo ata o 50% das persoas que visitan Caldoval.

Durante a breve historia do Centro de Interpretación merece especial mención o público escolar, que supón un 33% do total de visitantes e cada vez máis centros educativos comezan a facerse eco da existencia de Caldoval, dos seus contidos, así como da posibilidade de visítalo de balde, con visitas guiadas específicas, e de facer obradoiros sobre a cultura romana como o de escritura romana, xoiería, cociña, xogos de mesa, mosaicos ou pintura para @s máis cativ@s.

Pouco a pouco, o traballo minucioso e continuado do concello de Mugardos e do equipo de traballo do centro está a converter a Caldoval nun referente dos museos adicados á época romana do noroeste peninsular e nun catalizador do turismo e a economía local. Agardamos continuar esta tendencia ascendente durante o 2020 coa realización de novas actividades e proxectos ilusionantes que iremos desvelando proximamente.