Artigos Recentes

Publicado o 01/01/2018

Caldoval pecha o ano superando as espectativas.

Case 2.400 persoas visitaron o Centro de Interpretación de Caldoval durante o 2017. Apenas catro meses despois da inauguración deste novo recurso turístico-cultural do Concello de Mugardos, podemos dicir que as perspectivas de futuro son alentadoras. Dende que Pilar Díaz e o seu equipo decidiron darlle un impulso á xestión do Centro deseñando actividades e eventos específicos para dinamizalo, o museo de Caldoval tense convertido nun catalizador do turismo e a economía local.

Se nun primeiro momento foron @s veciñ@s de Mugardos @s máis interesad@s en coñecer os baños termais de época romana que foron atopados na esnseada de Santa Lucía; co paso do tempo o público interesado vaise diversificando e chegando de cada vez máis lonxe. O xacemento de Caldoval recibe hoxe en día case a metade das súas visitas de toda a comarca de Ferrolterra. O público de todas partes de Galicia tamén está incrementándose progresivamente; e, na ponte festiva e datas de nadal, rexistrouse un aumento das persoas procedentes de todo o Estado.

Pouco a pouco, o traballo minucioso e continuado do goberno mugardés está a converter a Caldoval nun referente dos museos adicados á época romana do noroeste peninsular. Os centros educativos comezan a facerse eco da súa existencia e contidos, así como da posibilidade de visítalo de balde, cos visitas guiadas específicas, e de facer obradoiros sobre a cultura romana como a elaboración de cosméticos, xogos de mesa, mosaicos ou pintura para @s máis cativ@s.

A dinámica propia deste tipo de instalacións en tempada baixa podería ter ameazado os datos de público do Centro de Interpretación; pero unha nova actividade deseñada para as familias está tendo unha grande acollida: a Busca do Tesouro de Caldoval. Unha maneira diferente de coñecer o museo e os seus contidos, de forma divertida e participativa. Varias pistas agochadas polo Centro de Interpretación guiarán aos participantes que, tras realizar unha serie de probas, poderán atopar un verdadeiro tesouro oculto. Esta actividade pódese realizar tódolos días ata media hora antes do peche.

Ademais, Caldoval continúa coas visitas guiadas gratuítas que teñen lugar ás 10:30, 12:30, 16:30 e 18:30, onde unha experta en patrimonio e turismo cultural interpreta o xacemento romano e explica o modo de vida nesta época. Tamén son de balde os talleres para @s máis cativ@s que teñen lugar os domingos ás 11:30 e 17:30. Para todas estas actividades é aconsellable reservar praza chamando ao 687 072 116 ou escribindo un correo a info@museocaldoval.gal.

Nestes catro meses a actividade non cesou no Centro de Interpretación de Caldoval. Ademais dos talleres, visitas guiadas e xogos de pistas; o Concello organizou as I Xornadas sobre Mugardos Romana que reuniron en no museo ás maiores especialistas en arqueoloxía, en educación, en xestión e investigación do mundo romano. Tamén se habilitou un espazo didáctico; se melloraron os contidos audiovisuais; se instalaron novos equipos de sonorización; se redeseñou a recepción e os espazos de servizos; se deseñou unha páxina web e se abriron perfís oficiais nas redes sociais; e estase tramitando a ampliación da colección permanente con novas pezas arqueolóxicas que foron atopadas no xacemento. Meses dun intenso traballo que xa está a dar os seus froitos para toda a vila e comarca.