Artigos Recentes

Publicado o 31/05/2019

Comeza o horario de verán en Caldoval

O CIC abrirá de martes a domingo ata setembro

Achégase o verán e por ese motivo entre xuño e setembro o Centro de Interpretación de Caldoval ampliará os días de apertura abrindo de martes a domingo en horario de 10:30 a 14:00, pola mañá e de 16:30 a 20:00 horas, pola tarde.

Nesta recta final do curso escolar o museo continuará a realizar actividades didácticas, combinando visitas guiadas  e obradoiros centrados na vida cotiá e os traballos da antiga Roma. “Pintores de Roma”, “Artista dos mosaicos”, “Ludi Romani”, “A cociña de Apicio”, “O perfume do César” e “Un día na palestra” son os nomes dos talleres que os centros educativos poden escoller para complementar a visita ao “balneum” do século I d. C. atopado na enseada de Santa Lucía.

Aínda quedan algúns días libres así que para facer a reserva só é preciso escribir ao correo info@museocaldoval.gal ou chamar ao teléfono 687072116. Pódese ampliar información no dossier didáctico.

Durante estes meses de tempada alta tamén xs visitantes que desexen achegarse a Caldoval terán a posibilidade de participar nunha visita guiada feita por unha persoa experta en patrimonio e turismo. Estas visitas son de balde e terán lugar de xoves a domingo ás 11:00, 13.00, 18:00 e 19:00.

Poderanse realizar tamén outras actividades pensadas para as familias como o xogo de pistas “O Tesouro de Caldoval” ou os obradoiros que terán lugar de xoves a domingo baixo reserva en horario de 12:00 e 18:00.

Ademais durante a época estival organizaranse un montón de actividades especiais para todos os públicos, das que se irá dando conta proximamente nesta web.