Artigos Recentes

Publicado o 29/03/2019

Comezan os “I Ludi Mugardensis”

Unha xornada dedicada ao deporte romano congregará arredor de 200 escolares en Caldoval o 11 de abril.

O mes de abril en Roma estaba dedicado tradicionalmente á deusa Venus e nel desenvolvíanse diversas celebracións que conmemoraban o inicio da Primavera. Era por tanto un período de xogos e festas. O concello de Mugardos e o Centro de Interpretación de Caldoval queren facer a súa particular homenaxe á primavera e ao deporte celebrando a primeira edición dos “Ludi Mugardensis” no exterior das instalacións do “balneum” romano”.

O evento congregará a case 200 escolares dos concellos de Ares e Mugardos, que durante a mañá do xoves 11 de abril, entre as 10 e ás 13h, competirán nunha sorte de xincana a través de 10 disciplinas diferentes, practicadas na antigüidade grega e romana. Durante a xornada @s alumn@s de 5º e 6º de primaria deberán demostrar habilidades como a capacidade de traballo en equipo, a precisión, a coordinación ou a puntería…

Lanzador de peso grego (420 a. C.) Museum of Fine Arts, Boston.

Entre os exercicios seleccionados para esta primeira edición están os xogos de noces, practicados en Roma habitualmente durante a infancia; xogos de adultos, como o Trigón, do que era moi afeccionado o propio emperador Augusto; probas realizadas para o adestramento militar, como o tiro con arco ou a esgrima e por último deportes herdados da Grecia antiga, coma o salto de lonxitude con halteras (pesas), que formaba parte do pentahlon clásico.

Desta maneira tentarase lembrar os grandes Ludi, que se celebraban na Antiga Roma coincidindo con festas importantes, a lembranza dunha batalla famosa ou o trunfo dalgún xeneral ou emperador. No mundo romano estes xogos constituían un grande espectáculo e atraían a numerosos espectador@s que devecían por asistir ás loitas de gladiadores (munera), ás carreiras de carros no circo, ás cacerías de animais salvaxes (venationes) ou ás representacións teatrais (ludi scaenici).

Carreiras de cuádrigas no circo romano.

O día escollido para a particular olimpíada de Caldoval, o 11 de abril, era unha xornada de transición entre dúas festividades importantes no mundo romano, que contaban cos seus correspondentes xogos: os Ludi Megalenses, dedicados á deusa Cibeles e as Festas Ceriais, na honra de Ceres, deusa da agricultura. O baleiro existente encherase por tanto en Caldoval no ano 2019 cos “I Ludi Mugardensis”.

 

Os obxectivos principais dos ludi son o fomento da convivencia entre alumnado de diferentes centros educativos, da practica do deporte e a mellora do coñecemento sobre o pasado romano.