Artigos Recentes

Publicado o 29/10/2018

Conclusións da II Xornada sobre a Mugardos Romana

Este sábado 27 de outubro celebrouse no Centro de Interpretación de Caldoval, a “II Xornada sobre a Mugardos Romana” cunha excelente acollida por parte do público asistente. Máis de 50 persoas acudiron ao centro para escoitar as intervencións de David Fernández Abella, xerente da empresa de arqueoloxía Argos, Fermín Pérez Losada, profesor titular de arqueoloxía na Universidade de Vigo, Ramón Pena Puentes, xefe do Servizo de Arqueoloxía da Xunta de Galicia e particiar no obradoiro de Fernando Lillo Redonet, Doutor en Filoloxía Clásica.

O evento organizado polo Concello de Mugardos iniciouse coa intervención da alcaldesa da vila Pilar Díaz, quen deu a benvida aos participantes e poñentes e fixo un repaso pola breve historia do Centro de Interpretación de Caldoval, que no seu primeiro ano de vida acadou máis de 7.000 visitantes.

A primeira charla co título “Tras as orixes da Igrexa de Meá” correu a cargo do arqueólogo David Fernández Abella. Nela falou dos traballos de investigación levados a cabo durante a semana santa do ano 2012 pola asociación Asseconia na contorna da igrexa de San Vicente de Meá. Os labores arqueolóxicos, autofinanciados pola propia asociación, incluíron diferentes intervencións como unha prospección xeofísica do terreo, unha prospección visual, visitas a xacementos próximos e un estudo documental. As conclusións extraídas destes estudos non puideron ser máis interesantes pois mostran unha intensa ocupación desta marxe costeira da ría de Ferrol en época romana que se pode seguir de maneira case continuada desde a vila de Noville, seguindo polo xacemento de Caldoval, castro de Meá e xacemento de Santa Lucía ata o xacemento de San Vicente. Este último ademais prolonga a súa ocupación durante a alta Idade Media.

O seguinte protagonista foi Fermín Pérez Losada cunha intervención titulada “A villa de Noville: 30 anos despois”. Grazas ao profesor Fermín soubemos que esta era a primeira charla monográfica que o director daba sobre o emblemático xacemento en 30 anos. Durante a exposición deu conta dos distintos elementos que caracterizan á vila de Noville e quedou patente o carácter pioneiro que tivo nos anos 1988 e 1989 a súa escavación. De feito foi a primeira vez que se realizou en Galicia unha prospección xeofísica e ademais con resultados moi satisfactorios pois permitiu optimizar a posterior estratexia de traballo. Deste xeito con moi pouca superficie escavada, a día de hoxe podemos coñecer case perfectamente a planta e as diferentes estancias do edificio.

Despois dun breve descanso para un café e repoñer forzas chegou o momento de Roberto Pena Puentes quen falou da “Posta en valor do patrimonio arqueolóxico galego: o papel das administracións”. Na súa intervención fixo un repaso sobre a historia e evolución da xefatura de servizo de arqueoloxía da Xunta de Galicia, que foi unha das primeiras en crearse no estado español. A continuación deu conta de todos os proxectos e frontes de traballo que están neste momento abertos no servizo entre eles diferentes traballos de difusión e posta en valor. Tamén anunciou que proximamente se colocarán en liña as fichas dos máis de 19.000 xacementos arqueolóxicos censados en Galicia, para que poidan ser consultados de maneira rápida por todo o público e do mesmo xeito xa se está a proceder a colgar en Galiciana: biblioteca dixital de Galicia (biblioteca.galiciana.gal) as memorias das diferentes intervencións arqueolóxicas realizadas ata o momento presente.

Rematada a última intervención pechouse a xornada cunha mesa redonda moderada por Susana Ricart Guillot, directora das escavacións do xacemento arqueolóxico de Caldoval, na que os poñentes da xornada foron respondendo as diferentes preguntas formuladas polos asistentes. Cuestións como os criterios de actuación do Servizo de Arqueoloxía na posta en valor dos xacementos ou o problema da conservación do patrimonio arqueolóxico costeiro foron algúns dos temas que saíron a debate.

Despois da comida a II xornada sobre a Mugardos Romana tivo un excelente epílogo co obradoiro do profesor Fernando Lillo Redonet, doutor en Filoloxía Clásica e especialista en xogos romanos. Baixo o título “Schola Romana. Escribindo como xs antigxs romanxs”, a actividade conseguiu enganchar tanto a nenxs como adultxs que puideron escribir os seus nomes e frases célebres latinas en papiro exipcio usando o cálamo. Tamén tiveron a oportunidade de practicar co stilus para escribir sobre taboíñas de cera e sobre todo de pasar un rato moi divertido coas anécdotas e o enxeño de Fernando Lillo.