Artigos Recentes

Publicado o 14/10/2019

Conclusións da III Xornada sobre a Mugardos Romana.

Este sábado 12 de outubro celebrouse no Centro de Interpretación de Caldoval, a “III Xornada sobre a Mugardos Romana” cunha magnífica acollida por parte do público asistente. Máis de 50 persoas acudiron ao centro para escoitar as intervencións de María Loira Enríquez, profesora de prehistoria e arqueoloxía da UNED (A Coruña), Fernando Lillo Redonet, doutor en filoloxía clásica e profesor do IES Santo Tomé de Freixeiro (Vigo) e Ángel Arias López, presidente e centurión da Asociación de recrecreación histórica “Cohors X Urbanae” (Lugo).

O evento organizado polo Concello de Mugardos iniciouse coa intervención da alcaldesa da vila Pilar Díaz, quen deu a benvida aos participantes e poñentes e fixo un repaso pola breve historia do Centro de Interpretación de Caldoval, que nos dous anos de vida xa recibiu máis de 13.000 visitantes.

A primeira charla co título “Mugardos in illo tempore, un enclave romano na ría de Ferrol correu a cargo da profesora María Loira. Nela avanzou novos datos sobre Caldoval e os restos romanos que aparecen de maneira recorrente na costa mugardesa, principalmente na contorna da enseada de Santa Lucía. Os últimos estudos e intervencións arqueolóxicas permiten deducir que neste lugar debeu haber un enclave de certa importancia en época romana, ligado tanto a vías de comunicación terrestres como marítimas. Unha das hipóteses apuntadas é que puidera tratarse da Adóbrica, citada por Pomponio Mela. Tamén avanzou novos datos sobre os baños de Caldoval, que permiten caracterizalos coma unhas termas de uso público, aínda que de propiedade privada (balnea meritoria), e non unhas dependencias dunha vila pertencente a un grande propietario como se pensara nun inicio.

 

 

 

 

 

 

 

O seguinte protagonista foi Fernando Lillo Redonet, cunha intervención titulada “Voces da termas: o ambiente dos baños a través dos textos epigráficos e literarios. O profesor Lillo, conseguiu de maneira entretida e didáctica transportarnos á vida cotiá nas termas de hai 2.000 anos. Os carteis anunciadores dos baños, os consellos nas portas de entrada, as maldicións contra os frecuentes ladróns de roupa e toallas ou supostas citas filosóficas con intencións procaces e escatolóxicas foron algúns dos múltiples datos aportados, que permitiron imaxinar de forma bastante nítida os hábitos hixiénicos no mundo romano.

 

 

 

 

 

 

Despois dun breve descanso para un café e repoñer forzas chegou o momento de Ángel Arias López, que fixo unha espectacular entrada no Centro de Interpretación, caracterizado como centurión dunha cohorte urbana e desfilando a toque de tambor acompañado dun signifer e un lexionario, igualmente caracterizados ata o último detalle cos aditamentos do exército romano. A intervención de Ángel Arias titulouse “A seguridade na cidade de Roma: Divulgación da antigüidade romana a través das Recreacións históricas”. Nela falou da creación e evolución das chamadas Cohors Urbanae como corpos de vixilancia e mantemento da orde pública en Roma durante os últimos tempos da República e inicios do Imperio. Ademais relatou a súa experiencia de máis de 12 anos en asociacións de recreación histórica na cidade de Lugo.

 

 

 

 

 

 

 

 

Unha mostra das reproducións que Ángel foi recopilando durante a súa traxectoria expúxose no Centro Arqueolóxico de Caldoval. Desta maneira xs asistentes ás xornadas puidemos admirar elementos tan curiosos como diversas tipoloxías de cascos militares, de loricas, gladius, lanzas e pilums, un lararium, un escritorio portátil, tabulae ceratae e outros obxectos que provocaron a curiosidade tanto de nenxs como de adultxs.

Rematada a última intervención pechouse a xornada cunha mesa redonda na que os poñentes da xornada foron respondendo as diferentes preguntas formuladas polos asistentes. Despediuse a “III Xornada sobre a Mugardos Romana” cun sonoro aplauso aos intervenientes e un convite a todxs os asistentes ás xornadas do ano seguinte.