Artigos Recentes

Publicado o 20/12/2018

DESCARGA O CALENDARIO ROMANO DE CALDOVAL PARA O 2019

Nestas festas o Centro de Interpretación de Caldoval quere agasallar a todos os seus amigos e amigas cun Calendario Romano para o ano 2019 (ano 2772 desde a fundación de Roma).

Este calendario foi realizado por Fernando Lillo Redonet, doutor en Filoloxía Clásica e profesor de latín do IES Santo Tomé de Freixeiro (Vigo) e polo arqueólogo Leo González. O obxectivo é achegarse á vida cotiá da antiga Roma a través da súa particular concepción do paso do tempo.

En realidade, a ferramenta que se presenta desde Caldoval é a superposición de dous calendarios diferentes: o calendario Xuliano, reformado por Xulio César no ano 46 a. C., e noso actual calendario Gregoriano, vixente desde o século XVI.

Que podemos atopar no Calendario romano de Caldoval?

Moitísima información. En primeiro lugar pódese ver que a forma de nomear os días da semana era case a mesma. As únicas mudanzas foron no saturni dies, polo sábado (do sabbath xudeu) e no solis dies, que converteuse en domingo (dies dominicus), por influencia do cristianismo. Os meses tamén tiñan os mesmos nomes que na actualidade. Porén, xulio e agosto, foron os de creación máis recente. O primeiro substituíu ao antigo mes Quintilis, á proposta de Marco Antonio, en homenaxe a Xulio César, despois do seu asasinato. O segundo foi dedicado ao emperador Augusto, aínda en vida, no ano 8 d. C. ocupando o lugar do mes Sextilis.

Pero o aspecto o que máis mudou desde os tempos da antiga Roma, foi o sistema de cómputo dos días. De feito, daquela non se numeraban de maneira crecente como agora, senón dunha maneira máis complexa. Todos os meses do ano tiñan tres datas, que se usaban como referencia para a conta: as Kalendas (o primeiro día do mes), as Nonas (o quinto ou sétimo día dependendo do mes) e as Idus (o día 13 ou o 15). Deste xeito o 2 de febreiro denominábase como o día posterior ás kalendas de febreiro (postridie kalendas februarias), o día 3 era o día terceiro antes das nonas de febreiro (ante diem III nonas februarias) e así sucesivamente.

Porqué se contabilizaba así o tempo? Kalendas, Nonas e Idus estaban xa presentes no primeiro calendario lunar de Roma, en época do fundador Rómulo e servían para marcar diferentes fases da lúa. Nese momento, resultaba moito máis útil, nunha unha sociedade de base agraria como a romana, marcar o tempo que faltaba para a seguinte fase lunar.

No calendario de Caldoval pódense ver por tanto a maneira romana e a actual de contabilizar os días pero tamén se referencian as festividades romanas máis importantes, os festivos actuais (nacionais, autonómicos e locais), os días de apertura do Centro de Interpretación de Caldoval e as datas relevantes da historia de Roma.

Desta maneira, grazas ao Calendario de Caldoval, poderemos saber que César foi asasinado nas Idus de marzo (15 de marzo) do ano 44 a.C.; que o Edicto de Milán, que estableceu a liberdade de relixión no Imperio, promulgouse nas Idus de xuño (13 de xuño) do 313 d. C., ou que o incendio de Roma, atribuído tradicionalmente a Nerón, comezou o día catorce antes das Kalendas de agosto (19 de xullo) do ano 64 d. C.

Para acceder ao calendario só hai que descargalo en formato pdf nesta web. Recoméndase imprimilo en tamaño A3 e colgalo despois na parede, nun lugar ben visible. Por diante quedarán 365 días para usalo e aprender un pouco máis da cultura romana.

Descarga aquí o Calendario Romano de Caldoval 2019.