Artigos Recentes

Publicado o 13/12/2019

Nadal no museo. Vive a Saturnalia romana.

O Centro de Interpretación de Caldoval celebrará as festas do Nadal cunha batería de actividades para que grandes e pequenos coñezan e experimenten as tradicións de fin de ano da Antiga Roma da maneira máis divertida. No Centro de Interpretación celebraranse as “Saturnalia”, unha das festas máis populares na cidade eterna dedicadas ó deus Saturno. En tempos de César tiñan lugar entre o 17 e o 23 de decembro, aproveitando o fin da sementeira e dos traballos agrícolas. O último día das “Saturnalia” remataba coas “Sigillaria”. Nesa data o costume era regalar pequenas figuriñas de cera ou de cerámica a familiares, amigos íntimos e ós nenos e nenas. Ata existían pequenas tendas onde se podían mercar estes agasallos. É moi probable que a tradición dos presentes de Nadal teña aquí a súa orixe e fose adaptada posteriormente polo cristianismo.

Este ano en Caldoval farase un obradoiro especial chamado “Nadal no Museo. Vive a Saturnalia Romana”. Nel xs participantes poderán elaborar os seus propios agasallos de Nadal da maneira máis orixinal posible, usando técnicas de hai 2000 anos e despois levalos para a casa. Esta actividade terá lugar no Centro de Interpretación o sábado 21 e 28 de decembro ás 17.00h da tarde.Tamén durante todo o Nadal, dentro do horario de obradoiros do museo (ás 11.30h e ás 17.30h). Todxs xs visitantes que o desexen, tanto nenxs, como adultos, poderán atreverse co xogo de pistas «As XII probas de Caldoval». Xs participantes deberán resolver 12 retos diferentes para poder atopar o diñeiro roubado ós antigos propietarios da «villa» de Caldoval, Cornelio e Honoria.

Quen consiga resolver os enigmas terá ademáis a honra de estar á altura do mítico Hércules, quen tamén tivo que afrontar 12 traballos case imposibles. Ademáis nestas festas o Centro de Interpretación abrirá de maneira extraordinaria o 26 de decembro e o 2 de xaneiro do ano novo.Todxs aquelxs que queiran participar nas actividades,só teñen que apuntarse no teléfono 687072116 ou no mail info@museocaldoval.gal.