O Museo

O museo de Caldoval está concibido como un Centro de Interpretación do xacemento romano atopado en Mugardos. O proxecto foi adxudicado ao estudo de Afonso Penela, que deseñou para tal efecto un edificio mausoleo que pretende recuperar a cota do nivel do mar, altura orixinal da villa a mare de Caldoval. Unha proposta arquitectónica e escenográfica que fainos esquecer o contexto contemporáneo e lévanos, a través dunha rampla en espiral descendente, a un espazo neutro de grandes dimensións para poder apreciar en estado virxe os restos de hai 2.000 anos.

Unha gran pasarela paraboloide rodea o xacemento para poder contemplalo dende varias alturas e perspectivas. Un xogo de luces sincronizado cunha proxección audiovisual de gran tamaño fainos comprender as características e usos das distintas estancias que podemos recoñecer no balneum de Caldoval. Ademais, unha pintura mural de considerables dimensións, en disposición panorámica, recrea a visión da Ría de Ferrol en tempos do Imperio Romano. A estampa ten orientación real con respecto do xacemento lembrándonos a vocación marítima da Vila Romana de Caldoval, e recuperando a sensación de estar a pé de praia.

O Centro de Interpretación de Caldoval, finalizado no 2015, aséntase sobre unha parcela de 10.500 metros cadrados, con aparcamento e plantación de árbores. No seu interior, de 1.600 m2 construídos, hai unha sala de exposicións con materiais orixinais e recreacións de utensilios, roupas, xogos, pelotas, vaixela cerámica…; e varios audiovisuais de gran tamaño que reproducen o estilo de vida d@s antig@s roman@s e o uso que facían das termas. Ademais, grazas á intervención do Concello de Mugardos, o museo de Caldoval conta con espazos habilitados para talleres familiares e escolares, con recepción e unha tenda de recordos e produtos locais.