O Traslado

Cando en 1997 se localizan unhas estruturas murarias en terreos da empresa Reganosa, na parroquia de San Vicente de Mehá, en Mugardos, non se coñecía aínda a relevancia histórico-patrimonial do achado. No 2001, realízase unha primeira escavación para avaliar a importancia arqueolóxica dos restos. É aí cando se determina que estamos ante un importante xacemento de época romana. Sería necesaria unha segunda escavación noutro sector da parcela para determinar a natureza do xacemento, probablemente unha Vila Romana do século I d.C, cuns baños domésticos. É a partir deste momento cando se comeza a pensar no traslado e musealización dos restos. En agosto de 2004 retómanse os traballos arqueolóxicos para finalizar a escavación do xacemento e comézanse a trasladar as estruturas dos baños. Estes traballos finalizan en abril de 2005 e os restos permanecen almacenados e cubertos in situ en agarda da construción dun museo ou centro de interpretación que os albergue.

Tras un estudo de reconstrución e musealización, aconséllase expoñer tan só a parte determinada como balneum rural doméstico e a palestra, descartando as estancias de ocupación tardía coma o forno e diferentes alpendres, en moi mal estado de conservación. En 2014, grazas ao Concello de Mugardos, á Xunta de Galicia e á Reganosa; adxudícase a construción do Centro de Interpretación de Caldoval, que albergará os restos do xacemento e comeza o seu traslado. Seis meses de traballos de restauración do xacemento, nos que foron trasladadas máis de 12.500 pezas de cachotería dos muros meticulosamente etiquetadas e voltas a colocar na súa posición orixinal para o seu estudo e desfrute polo visitante. O alveus de auga fría foi a única peza que non se desmontou debido ao seu extraordinario estado de conservación e á fraxilidade do revestimento interior, a base de opus signinum hidráulico. Recubriuse cun encofrado para facilitar a extracción e o seu trasladado e foi instalado antes da finalización do edificio do Centro de Interpretación.