Artigos Recentes

Publicado o 11/10/2018

VOLTAN AS XORNADAS SOBRE A MUGARDOS ROMANA EN CALDOVAL

O próximo sábado 27 de outubro en Caldoval celebramos a “II Xornada sobre a Mugardos Romana”, organizada pola concellaría de Patrimonio Histórico do Concello de Mugardos.

Despois da excelente acollida do ano pasado volvemos a afondar un pouco máis no pasado romano da vila.

Nesta segunda edición contaremos con varios expertos de excepción e os protagonistas serán a emblemática vila de Noville, escavada a fins da década de 1980 e o xacemento de Meá, que conta cunha prolongada ocupación desde finais do período romano.

A xornada será inaugurada pola alcaldesa Pilar Díaz Otero ás 10h e dará paso á primeira palestra co título “Tras as orixes da Igrexa de Meá” que correrá a cargo de David Fernández Abella, xerente de Argos Arqueoloxía. Nela aportaranse novos datos que permitirán comprender como se produciu o paso do mundo tardo antigo á Idade Media, tomando como punto de partida os estudos realizados na contorna da igrexa parroquial de San Vicente de Meá.

Seguirá o profesor titular de arqueoloxía da Universidade de Vigo, Fermín Pérez Losada, coa intervención “A villla romana de Noville, 30 anos despois”, na que dará conta dos pioneiros traballos realizados neste singular xacemento durante os anos 1988 e 1989.

Despois dunha pequena pausa, chegará a quenda de Roberto Pena Puentes, xefe do Servizo de Arqueoloxía da Xunta de Galicia. A súa charla titulada “A posta en valor do patrimonio arqueolóxico. O papel das administracións”, abordará diferentes casuísticas no que se refire á xestión dos xacementos por parte das administracións públicas.

A xornada rematará cun debate no que participarán todos os poñentes e que será moderado por Susana Ricart, directora das escavacións do xacemento de Caldoval.

O mesmo día pola tarde, de 17 a 18h terá lugar unha actividade didáctica dirixida ás familias. Trátase dun obradoiro especial denominado “Schola romana. Escribindo como xs antigxs romanxs”. Nel, o profesor de latín, doutor en filoloxía clásica e experto en xogos romanos Fernando Lillo Redonet ensinará de xeito divertido a cativxs e maiores os segredos da escritura romana usando os materiais e ferramentas da época.

A inscrición tanto para a xornada como para o obradoiro é totalmente gratuíta e poderase facer enviando o nome e datos de contacto a través do correo info@museocaldoval.gal ou chamando ao teléfono 687072116 en horario de apertura do Centro de Interpretación.